11-04-2008, 09:29 AM

Nós, os outros, as tradutoras e os tradutores dos que ninguén se lembra endexamais, nin sequera cando cómpre, resulta que levamos varios días dando moito que falar nos faladoiros. Mágoa. Neste país ninguén berra porque aínda hai algunhas editoriais que non nos fan contrato os tradutores, e, se nolo fan, fánnolo obviando boa parte dos dereitos que nos concede esa lei tan tardía coma incumprida; editores que moitas veces non nos pagan, e, cando o fan, fano empregando case que o mesmo baremo de hai 30 anos.
Saben vostedes que, daquela, o folio se pagaba a 800 pesetas, e que arestora, seis lustros despois, aínda hai en Galicia quen, dos catorce, quince euros estipulados polas asociacións, non nos conceden máis ca seis? Non sentiron dicir que hai mercaderes da literatura que, á chucha calada e quedándose, abofé, cos nosos cartos, revenden unha e outra volta, a esta ou a aqueloutra casa, a nosa suor? Por qué a ninguén lle indigna, nin sequera dentro do gremio, que, tras cobrar a miseria que nos pagan, os tradutores non volvamos ver un peso durante o resto da nosa vida (por non falar da dos nosos herdeiros) ? Quen alzou a voz aí atrás, cando a Consellería de Cultura anunciou, a bado aberto, eses novos premios nacionais na lista dos cales, por suposto, non figura o de tradución? A quen lle importa que os especialistas dos Premios da Crítica pasen outro tanto de nós ou que, ó falaren dun libro estranxeiro, se esquezan de citarnos mesmo na ficha das súas críticas? A ninguén.
http://tinyurl.com/3kdpx3
Fuente: http://www.inttranews.net